top of page

O Parlamento Europeo contará con EconLabGalicia para avaliar o impacto económico da cooperación transfronteiriza

  • Jul 2
  • 1 min read

EconLabGalicia, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi seleccionado pola Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGI) do Parlamento Europeo para elaborar un estudo sobre o impacto económico da cooperación transfronteiriza na Unión Europea.


O traballo analizará como a xestión compartida de servizos públicos, infraestruturas e equipamentos entre rexións fronteirizas pode contribuír a mellorar a eficiencia do gasto público e a calidade dos servizos prestados á cidadanía, prestando especial atención ao papel das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT).


O equipo da USC está integrado polos profesores Santiago Lago Peñas, María Cadaval Sampedro e Xoaquín Fernández Leiceaga, especialistas en financiamento público, descentralización e gobernanza territorial. No estudo do caso da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal participará ademais o profesor Francisco Carballo, da Universidade do Minho.


O proxecto combinará a análise de experiencias europeas, estudos de caso e técnicas de avaliación custo-beneficio para determinar cando a cooperación transfronteiriza xera aforros, mellora a prestación dos servizos públicos e crea valor engadido para os territorios participantes. Así mesmo, examinará os factores institucionais que explican o éxito destes modelos de gobernanza.


As conclusións servirán de apoio á Comisión REGI na avaliación dos instrumentos europeos de cooperación territorial e no deseño de futuras iniciativas da Política de Cohesión da Unión Europea.


A participación de EconLabGalicia neste proxecto reforza a proxección internacional da USC no ámbito da economía pública e das políticas territoriais.



 
 
bottom of page