top of page

EconLabGalicia presenta a experiencia de Galicia na OCDE como referente na xestión de riscos fiscais.

  • 6 days ago
  • 1 min read

Santiago Lago-Peñas participou na sede central da OCDE en París na presentación de Galicia como o único estudo de caso autonómico español incluído na análise da xestión de riscos fiscais subnacionais. O director de EconLabGalicia expuxo os resultados do estudo elaborado para a organización xunto con María Cadaval Sampedro, Xoaquín Fernández Leiceaga e Alejandro Domínguez Lamela.


A comunidade autónoma de Galicia é o único caso español incluído no informe da OCDE, un recoñecemento que pon de relevo o interese internacional das súas prácticas en materia de xestión orzamentaria. O estudo analiza tanto as fortalezas do modelo galego —o cumprimento fiscal, o nivel contido de débeda e a existencia de mecanismos de control e seguimento— como os retos estruturais que condicionan as súas finanzas públicas —o envellecemento da poboación, a dispersión territorial e a despoboación rural, que elevan o custo unitario da prestación dos servizos públicos—, así como os riscos climáticos, como os incendios forestais e as inundacións.


Entre as principais oportunidades de mellora para avanzar cara a unha gobernanza integral que reforce a resiliencia fiscal, o informe destaca a conveniencia de implantar unha declaración anual de riscos fiscais que permita integrar a identificación, cuantificación e priorización dos riscos na planificación orzamentaria plurianual, reforzando así a transparencia, a capacidade de anticipación e a resiliencia financeira.


Esta actividade enmárcase na liña de traballo de EconLabGalicia sobre fiscalidade e finanzas públicas subnacionais e contribúe a consolidar a súa proxección internacional, reforzando o seu papel como espazo de referencia na análise económica aplicada e na xeración de propostas para a mellora das políticas públicas.



 
 
bottom of page