top of page

Éxito rotundo das XII Xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas , patrocinadas por EconLabGalicia

  • Writer: Alejandro Domínguez Lamela
    Alejandro Domínguez Lamela
  • May 28
  • 1 min read

Santiago de Compostela acolleu os días 20 e 21 de maio as XII Xornadas da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (RIFDE), baixo o lema “Á espera das reformas”. O evento, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, reuniu a destacados académicos, autoridades autonómicas e expertos para debater os grandes desafíos do sistema de financiamento autonómico en España.


A sesión inaugural contou coa participación do reitor da USC, do conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia e de representantes do comité organizador, entre eles Santiago Lago Peñas, codirector de RIFDE. A conferencia de apertura estivo a cargo do profesor Timothy Goodspeed (CUNY Graduate Center), quen achegou unha valiosa perspectiva internacional sobre o federalismo fiscal.


Un dos momentos máis destacados foi a mesa de diálogo entre os conselleiros de Facenda de Galicia, Castela-A Mancha e a Comunitat Valenciana, onde se debatiron as posibilidades dunha reforma viable do sistema a curto prazo. Ao longo das sesións tamén se abordaron temas como a equidade territorial, a reforma dos mecanismos de gobernanza, a sustentabilidade financeira e a coordinación entre niveis de goberno.


A clausura correu a cargo de Cristina Herrero, presidenta da AIReF, quen ofreceu unha reflexión sobre os retos e perspectivas das finanzas públicas autonómicas, destacando a importancia da sustentabilidade, da eficiencia e da transparencia.

Desde EconLab, como entidade patrocinadora, celebramos a calidade dos debates e reafirmamos o noso compromiso coa análise rigorosa e a mellora continua do sistema de financiamento autonómico en España.


 
 
bottom of page